a&b comunicación

This is India

Hoxe queremos compartir con vós parte do que foron as nosas vacacións. Sodes moitas as que nos parades pola rúa pra pedirnos que vos ensinemos a nosa visión da India así que, sen máis preámbulos… Aí vai!

Poderiamos comezar dicindo que aterrizar en Delhi é unha bofetada sen anestesia de choque cultural. A India non é soamente que pertenza a outro continente senón que tamén semella estar soterrada noutra era. A lóxica occidental non ten sentido neste territorio e de feito precísanse uns poucos días para adaptarse. A nosa primeira hora en Delhi poderíase resumir nun constante esforzo por sobrevivir ao incesante pitido dos tuc-tuc e coches, tratar de conseguir chegar ao noso aloxamento sen que nos levaran a unha axencia de viaxes onde nos tentaran vender un paquete de “Visite A India en 15 días como unha turista máis” e cruzar as rúas sen ser atropeladas por un carro, tuctuc, bicicleta, moto, persoa ou no mellor dos casos, unha vaca (que polo menos é sagrada). Proba superada!

Estampa das rúas de Delhi

A nosa estancia en Delhi foi breve e en parte xa o tiñamos planexado así, xa que as grandes cidades nunca foron o noso forte. Así que podemos dicir que as primeiras horas no país consistiron en facer cola e suar a gota gorda na oficina da estación pra conseguir mercar os billetes de todos os nosos movementos polo país. Viaxar na India de maneira improvisada é unha tarefa titánica, así que no primeiro día tivemos que deseñar o itinerario que nos levaría a visitar o máximo posible en 15 días. E sen querelo, fixémolo moi ben.

Na estación enchendo miles de papeis para viaxar

E diredes vós: “Mira que apañadas, que nada máis chegar xa deron co lugar adecuado pra mercar billetes a prezo de cidadás indias e non guiris gringas“. Ha!! Nada máis lonxe da realidade. Se non chega a ser por un arxentino que atopamos pola mañá e que xa levaba unhas horiñas máis ca nós loitando contra a picaresca india, teriamos pasado os 15 días no aeroporto. E agora mesmo estariades a piques de ver imaxes de archivo da India feitas por calquera fotógrafa anónima. Pero non, superamos o primeiro escalón, o máis complicado. E a partir de aí todo foi rodado.

Co cal, non tivemos demasiado tempo de visitar a cidade, pero deunos pra pasear por Main Street (en Paharganj, o barrio de mochileras por excelencia), perdernos polas ruíñas do bazar, probar a nosa primeira comida India con sabor a fuego (todo pica. E moito) e disfrutar dos sorrisos da xente.

Rúas de Delhi

Comendo fuego

Poderiamos describir a nosa viaxe como unha especie de road movie debido á cantidade de horas que pasamos metidas nun tren (máis un bus). E por incríble que pareza, disfrutabamos desas viaxes de 7, 8, 9 e ata 14 horas. O mellor? As estacións, ese ir e vir de xente que te observa curiosa. Os compartimentos, a convivencia coa xente… Moitas veces viaxabamos de noite, xa que existe a Sleeper class, con compartimentos que se convirten en camas e nos que se descansa de marabilla. Nós tiñamos que poñer o espertador, porque durmiamos a perna solta. O peor: o medo a non baixar na parada que nos tocaba, o terror a ter que facer pis nos baños do tren (tarefa á que nunca tivemos que recurrir. Como di a Blanca, estabamos feitas unhas camellitas), e a dantesca sinfonía de peidos, toses, ronquidos e escupitajos polas noites e ao amencer. Pero nese tema mellor non nos mergullemos demasiado…

 

Estación de tren de Delhi

Jaipur foi a nosa seguinte parada. Sabiamos que atopariamos moitos lugares fermosos na India e Jaipur foi un deles, pero ademais esta cidade quedará no noso recordo por unha experiencia que alí vivimos e que recordaremos sempre.

Rúas de Jaipur
O gran cine Raj Mandir de Jaipur

Jaipur deunos un pequeno respiro xa que contén recunchos dunha beleza enorme (o City Palace, o Forte de Amber, o Palacio dos Ventos, o Monkey Temple…). Son lugares nos que escapar da tolemia da rúa. Ademais sempre recordaremos esta cidade porque nela recibimos os primeiros “Happy Holi” e porque vivimos unha das experiencias máis fermosas e apaixoantes da viaxe:
Camiñando pola rúa sen rumbo fixo, como nos gusta facer a nós, escoitamos cantos de mulleres que acapararon toda a nosa atención e que nos levaron ata o lugar de onde proviñan: o interior dun pequeno templo. Ao vernos curiosas, un home que se atopaba na entrada convidounos a entrar e nós, un pouco cortadas, adentrámonos sorrintes ata un lugar prudencial. A sorte estivo da nosa parte e xusto nese momento comezou a chover facendo que o grupo de mulleres que estaba na entrada bulira até o interior do templo convidándonos a entrar con elas.
E alí nos vimos, sentadas e rodeadas de mulleres con saris de mil cores que comezaron a convidarnos a bailar e festexar con elas. Tan efusiva foi a nosa resposta que non podían parar de aplaudir, rir, cantar… Ata que ao final representaron a canción que se lles canta a unha parella de recén casad@s. A India acababa de unirnos pra sempre mediante un festexo de saris de cores, cantos de mulleres e sobre todo sorrisos, risas non contidas de felicidade compartida. E isto si que vai ser pra toda a vida, porque non se imaxinan esas mulleres o amor que estaban festexando.

 

A nosa cerimonia

Forte de Amber

 

Houbo que facer parada na gasolineira
Son feliz no tuc-tuc

Monkey Temple

E con toda esta intensidade inda latente aterrizamos en Agra, o fogar do Taj Mahal, unha das marabillas do mundo que por unha xogada cruel do destino descansa nun dos lugares máis pobres do país.
Da India sempre se di que é un país de contrastes, pero nesta altura da viaxe nós sentiamos máis acertado dicir que é un país de extremos. Porque Agra, a pesares de ser a cidade na que se atopa o Taj, é unha das cidades máis pobres da India.
E joder. A pobreza que aquí hai é moi complicada de asimilar. A pobreza doe, é nauseabunda, cruel, sucia, triste.  Despóxate de calquera atisbo de humanidade.
Pero a parte disto Agra tiña moitas outras cousas tremendamente fermosas que ofrecernos: un atardecer no Baby Taj pra nós soas, sen ninguén máis, a familia do Namastey, o noso fogar nos tres días que pasamos alí e o Holi, unha aventura en forma de montaña rusa de vivencias.

 

A familia do Namastey

Rúas e xente de Agra

Taj Mahal

Happy Holi!

Baby Taj

A vida en Agra
O tren, o noso segundo fogar

Unha vez que levabamos uns días no país e xa nos moviamos con máis destreza, comezámonos a decatar de que sen querelo fixeramos un tininerario moi bo.
Recordamos vivir os primeiros días cunha sensación de desacougo que non acababa de abandoarnos.
Claro que disfrutabamos do país. É imposible non facelo, pero inda así Delhi, Jaipur e Agra son lugares difíciles de dixerir.
Delhi é sinónimo de voráxine. Ruido, caos, miseria, máis ruido, lixo, excesos… Calquera recuncho é susceptible de convertirse nun vertedoiro ao aire libre. Non das abasto a asimilar todo o que te rodea. Abruma. Tamén é certo que nós chegamos alí inexpertas e fráxiles porque por moito que te queiras preparar para unha viaxe deste tipo nunca é suficiente. E ata que estás alí, velo, chéiralo e síntelo, non comprendes o poder de magnetismo nin de absorción que ten esa inmensa península. Alí notas como te traga, mastícate, dixírete e expúlsate nunha realidade tan allea ao mundo que coñeces que é imposible non sentirse sobrepasada por momentos.

Pero despois aí está. Colorida, sonora, con ese arrecendo a incienso e especias que fai que ti tamén queiras entrar ata o fondo e deixarte levar porque sabes que vai ser extraordinario.

Nas zonas rurais deunos a sensación de que non hai tantísima miseria, pero inda así ten que ser complicado saír adiante neste país. Sei que isto é un topicazo, pero somos inmensamente afortunadas por ter nacido no berce da nosa terra (e na nosa familia).
A verdade é que o primeiro contacto coa India foi «heavy». Son xente amable en xeral, sorrín moito (cousa que adoro) e son tremendamente curiosos e curiosas (non paran de mirarnos descaradamente). Iso si, en canto a conciencia medioambiental, cero.
O lixo amontónase a moreas non só nas esquinas, en calquera lugar. Merda de animais, lameiras, restos de comida… Pero sobre todo plástico. Estamos seguras de que fai 80 anos, cando non existía o maldito plástico, a India non tiña o aspecto que agora ten. Ah! E a costume popular MASCULINA de mexar alí onde a vexiga o esixa (vías do tren, muros, fachadas de casas, rodas de coches… Non hai un mal lugar pra facer un pis). E permitídenos que evitemos falar dos cuspes. Moito noxazo.
Pero inda así as rúas non emanan o cheiro nauseabundo que vos podedes estar imaxinando agora. De feito este é un país de contastes ata pra iso, pasas do cheiro a mexos e putrefacción a un riquísimo aroma a incienso ou aceite aromática dunha respiración a outra.
As ofrendas con incienso repítense en cada esquina e é moito de agradecer.
E ao final é ese olorciño a incienso o que máis sintes e acabas recordando (quizais coma un mecanismo de defensa interno e inconsciente para disfrutar do bo).

Xusto no momento no que superabamos o ecuador da nosa viaxe estabamos tamén situándonos (sen decatarnos) nun punto de inflexión que nos faría ver ao país con outros ollos.
E isto acontecería no instante exacto no que pisamos Udaipur.
As primeras sensacións non nos enganaban: silencio, tranquilidade, baixada de ritmo…
Udaipur forma parte da provincia de Rajastán. Aquí, ao contrario que en Uttar Pradesh, as crianzas van ao colexio e disfrutan dunha educación gratuíta. A pobreza, inda que presente, non é unha protagonista que non deixa espazo para o resto do elenco e a proba máis visible é non atopar xente durmindo na rúa pola noite.
E a nós, como visitantes, esta cidade axudounos a facer máis profunda a nosa amizade coa India.
Decatámonos de que é estúpido tentar entender este país baixo a nosa lóxica occidental. Non temos que buscar respostas a todo e hai que abandoar a nosa racionalidade por momentos. Porque… ata que punto o noso raciocino é racional se vimos dun mundo tan diferente?
Aquí é mellor pensar que se algo é dun xeito determinado é porque así funciona e punto.
Claro que hai cousas que non deberían ser como son. Pero para iso nós, inda que queiramos atopala, tampouco temos resposta.
Tamén chega un punto no que sintes que te adaptas ao entorno, ao país, ao que ves.
Co paso dos anos o noso pensamento faise máis ríxido e creamos ideas na nosa mente que forman a nosa maneira de ver o mundo e é difícil sacarnos de aí. Pero pisar un país como é a India fai que se abran esas fronteiras, esas portas pechadas que temos ao que non é o habitual e que deixemos atrás (inda que sexa por un intre) a nosa necesidade de xulgalo todo.
E impresiona sentir como os nosos corpos se adaptan e mesmo acostuman ao que vemos. Cómo aceptas a miseria, o lixo, o ruido, os claxon, a tristeza nos ollos de quen non ten nada. Pero xa viches esos ollos. E nunca se esquece algo así.
E é a partir deste momento cando es consciente tamén de todo o que estás recibindo.

Seguinte parada: Jaisalmer. Esta cidade ofreceríanos tranquilidade, paseos, descanso, piscina, deserto con chuvia, rúas de postal, conversas…

Non é nada doado resumir o que é a India, porque as sensacións hai que sentilas.

A India é de cores, cores marabillosas que embelesan. Que fan que desvíes a mirada cara esas combinacións de fucsias, verdes, azuis, laranxas, amarelos, dourados…
E esos tintineos de pulseiras, que resonan a cada paso ou movemento.
A India é cada atardecer. Cada pinga de gota que recibimos no deserto, cada sorriso tímido pero sinceiro pola rúa.
Todo esto dá a India.
E convites ao cine. A tomar un lassi. A levarte á súa casa e tomar un chai. A ensinarche os recunchos preferidos na contorna. Agasallarte coa pulseira que unha moza leva posta cando só intercambiaches unha ducia de palabras. Arriscarse a perder un tren por axudarche a conseguir os billetes que precisas pra seguir viaxando.
E todo a cambio de nada.

E así chegamos á nosa última parada: Pushkar. Cidade sagrada, pero quizais demasiado turística. Nós xa estabamos acostumadas a disfrutar en soidade de templos, ser as únicas turistas e recibir toda a atención… Pero inda así estabamos na India e cada lugar é único.

                              

Como rematar esta viaxe? Simplemente dicindo: GRACIAS. Viaxar é un privilexio e podelo facer na mellor compaña é todo un agasallo.

E agora… aceptamos suxerencias para a próxima viaxe 😉

 

 

Comentarios.

Deixa un Comentario.

© A&B Comunicación. Todos os dereitos reservados