a&b comunicación

No 2023 estamos de aniversario

Estamos a poucas xornadas da inauguración da Feira do Viño do Ribeiro (60 anos de Feira, que se di pronto!). E vós diredes: é a esto ao que vos referides con que estamos de aniversario? Tanto vos gusta o viño do Ribeiro que facedes propia esta celebración?

E si, por unha banda, a resposta é afirmativa, pero tamén lle temos un agarimo moi, moi especial a esta festa porque dalgún xeito A&B naceu grazas á Feira do Viño.

É probable que sexa a primeira vez que vos contamos a nosa historia de amor, así que ficade atentas:

Desde que rematamos as nosas carreiras e comezamos a deseñar as nosas vidas laborais, cada vez que nos xuntabamos a Ainhoa e a Blanca (nesta altura non eramos as A&B), sempre comentabamos dalgún xeito tímido a posibilidade de “montar algo xuntas“. Nas nosas cabezas rondaban ideas tan tolas como crear unha televisión local (si, esto non é broma) pero nunca chegabamos a consolidar ningunha delas. E foi alá por marzo de 2013, hai agora 10 anos, que se convocou o concurso de cartaces da 50 edición da Feira do Viño e dixemos: quedamos para facer unha choiva de ideas e a ver que sae? Dito e feito, xuntámonos primeiro na casa dunha, logo na casa doutra, e coa axuda do pouco e precario material que tiñamos sacamos adiante unha das ideas que, mesmo despois de 10 anos, segue sendo das nosas favoritas. E vése que non só foi a nós a quen lle gustou o noso boceto porque gañamos o 1º accésit no concurso. Puxémonos tremendamente felices e dixemos: bueno, pois sigamos deseñando xuntas, non?

O seguinte foi buscar un nome, un logo e clientes e clientas. E en novembro dese mesmo ano 2013, nacía A&B Comunicación e Deseño. Tan doado foi que esta frase da Blanca describe de xeito moi realista o proceso: montamos unha empresa coma quen bota un peido.

E a partir de aí medramos como profesionais, aprendimos a unha da outra, vivimos aventuras moi, moi, moi felices e algún susto. Pero sobre todo o que medraron foron os coidados, o agarimo e o sentimento de fortuna por ternos a unha á outra. Porque agora, ademais de compañeiras de traballo e socias somos irmás.

Así que ficade atentas e atentos, porque nesta Feira do Viño terá lugar a primeira de varias celebracións para festexar os nosos 10 anos. Unha década na que tamén puidemos medrar grazas a vós.

A&B pipiolas 😉

Deixa un Comentario.

© A&B Comunicación. Todos os dereitos reservados