
Dona Gotto.
Pousadoiro é unha adega da que xa vos temos falado con anterioridade pois Alfredo, o home que está detrás deste gran proxecto, é unha persoa tan activa que é raro que non coincidamos con el nalgún proxecto.
Xa viñamos de traballar para el no deseño das etiquetas do seu viño branco Pousadoiro. Un traballo fermoso para unha xente á que admiramos e respectamos polo seu traballo, polo seu enfoque e polo amor que teñen á terra na que viven.
E tivemos a sorte de que voltasen a contar con nós para o deseño da etiqueta do seu tinto caiño: Dona Gotto.
Foi un traballo fermoso que non comezou coma normalmente facemos: diante do ordenador. Esta vez Alfredo tiña bastante claro o que quería e a súa inspiración estaba nun lugar para nós descoñecido e que nos deixou coa boca aberta: a Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño. Esta Igrexa, situada nun lugar privilexiado, xa impresiona dende fora, pero o maior tesouro está no seu interior: a bóveda da ábsida está decorada cunha completísima escena do Xuízo Final, na que chama poderosamente a atención a Cabalgata dos Pecados Capitais. E foron estas pinturas, cheas de detalles, as que nos serviron para facer a etiqueta de Dona Gotto. Máis concretamente o pecado máis relacionado co viño: a gula.
Deixámosvos coas fotos e o resultado final.
Gracias Alfredo por confiar en nós unha vez máis.