a&b comunicación

mIT 2023. Somos memoria

Cando se achega a data de porse a traballar no deseño da imaxe da Mostra Internacional de Ribadavia no estudio cheira a creatividade, nervios e ganas de superación. Xa son uns cantos carteis os que temos deseñado para o evento teatral máis importante da Galiza, pero nós seguimos poñéndonos tan nerviosas como co primeiro deseño, aquel do 2014 para o 30 aniversario da MIT.

Este ano a Mostra tamén celebra un fermoso aniversario: os 50 anos da primeira Mostra de Teatro Abrente. Cando Roberto Pascual nos encargou o deseño do cartel contounos que o lema desta edición era “Memoria, cohesión e innovación” e transmitiunos a importancia de homenaxear dalgún xeito á nosa comunidade, Ribadavia. E como plasmar todo isto nun deseño?

Mergullámonos na técnica do collage, do detalle. Demos comezo a unha búsqueda de imaxes históricas, unha pesquisa de personaxes que marcaron dalgunha maneira a historia da MIT e a nosa propia historia e así creamos esta peza, unha vez máis con todo o noso agarimo e admiración polo equipo-familia que é a MIT. E na que o Ledo, por sempre, estará presente 🫶

Cada detalle é importante, o todo é unha suma de moitas cousas. Así que esta MIT suma as forzas de moitas pequenas e medianas emprendedoras coas que realizamos un merchandising “made no Ribeiro” xa que sen identidade e sen o orgullo do contexto non seriamos o que somos, por iso queremos pór en valor o seu traballo. A continuación deixámosvos algunhas imaxes dos produtos de Brétemas, Confeitería Sila, Confeitería Conde, Antonio Montero e Naturavia envoltos nun deseño en base á identidade desta edición da MIT.

A MIT é beleza, innovación, memoria e moito teatro. Así que se queredes ver o programa completo premede neste enlace, e que se abra o pano!

Grazas, compañeiras MIT ✨

 

 

 

Cliente:
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
Servizos:
Deseño de cartel, programa e etiquetaxe de marchandising

© A&B Comunicación. Todos os dereitos reservados