

Tear dos Dodi
A adega Diego Doniz Diéguez atópase na comarca do Ribeiro (Ourense), no Concello de Arnoia, concretamente na localidade de O Pazo. Para nós, Diego é moito máis ca un cliente: é un amigo e veciño que confía no noso criterio e co que sempre traballamos con moita ilusión. Neste novo proxecto, sumouse tamén a súa irmá Rita, que forma parte da adega familiar e que achegou o seu gran de area aos deseños. Nós, encantadas de colaborar con eles!
Chegaron ao noso estudio coa idea de crear un novo deseño de etiqueta que lles permitise destacar. Querían unha imaxe chamativa e moderna, dirixida a todos os públicos adultos, para renovar a presentación dos seus viños: tinto e branco.
Na etiqueta de Tear dos Dodi branco, a tea convértese na protagonista. Optamos por un deseño que incorpora un troquelado que simula o corte dunha tea, achegando realismo e conectando directamente co significado de Tear, presente no nome da marca.
Para o viño tinto, inspirámonos na arte tradicional do encaixe de Camariñas, un tipo de bordado que se identifica rapidamente coa cultura galega e que simboliza un traballo artesanal de gran valor e detalle. O resultado é un deseño elegante e minimalista, con liñas limpas e un toque moderno, mantendo a conexión co nome da marca: Tear dos Dodi.
Xa celebramos uns cantos brindes con esta nova imaxe, e a verdade é que a acollida entre os clientes foi excelente. Moitos coméntannos que demos no cravo. Grazas polo voso feedback! 😉