
Ukelele Kit Project.
O Ukelele Kit Project é un proxecto impulsado por O Gato Cósmico, unha galería/tenda de arte/ moda/ deseño e artigos Do-It-Yourself xestionada por Matilde, unha compañeira da comarca. E foi ela a que se puxo en contacto con nós a finais do ano pasado para animarnos a que participaramos no seu proxecto (e temos que admitir que non tivo que insistir nada nadiña, xa que dende o comezo nos pareceu súper interesante).
Para que entendades en que consiste o proxecto podedes ler a descrición da propia Matilde do que é o Ukelele Kit Project:
“O proxecto ten como punto de partida un dos produtos máis exitosos da nosa tenda: o ukelele montable. Así, propúxoselle a 10 artistas que interviñeran, decoraran e montaran un destes ukeleles montables, dando lugar a unha colección de 10 pezas únicas moi diferentes entre si e que mostran os diversos estilos dos seus creadores. Logo diso e, aludindo ó carácter musical que a propia peza ten, propúxoselle a 10 grupos musicais tocar unha canción do seu repertorio utilizando un dos ukeleles da colección, adaptándoa ó instrumento e creando unha versión nova dunha canción xa existente. Por último, propúxoselle a 10 realizadores audiovisuais facer os vídeos das 10 cancións resultantes, 10 vídeos que, partindo dunha idea moi sinxela, mostran a calidade e a creatividade dos seus realizadores.
O resultado: unha exposición colectiva e multidisciplinar na que participan máis de 30 creadores galegos – ou vencellados a Galicia – provenientes do mundo da arte, a música e o audiovisual.”
Nós tivemos a sorte de compartir traballo cun grupo de Ourense: Os amigos dos Músicos e o ukelele protagonista foi customizado polo artista Pablo López.
Un proxecto completísimo e interesantísimo, non vos parece? Nós estamos encantadas de ter participado e dende aquí queremos agradecerlle a Matilde a confianza depositada en nós para formar parte do seu proxecto. E para ver o resto de vídeos e ukeleles non deixedes de visitar a web do proxecto premendo Ukelele Kit Project.